Historia


En Setembro de 2011 comeza unha actividade extraescolar de introdución á música no Colexio de Riomaior, organizada pola ANPA. A finais dese curso, os pais deses 9 alumnos déronse de conta de que se os seus fillos querían que lles aprenderan algún instrumento debían desprazarse e matricularse nas Escolas de Música dos concellos veciños. De feito, tampouco existía unha Banda de Música de Vilaboa.

Varios veciños animan ao profesor daquela actividade, Daniel Figueira Bello, a que presente no Concello un proxecto de Escola de Música para o pobo. Así, en Setembro de 2012 comeza a súa andaina a Escola de Música de Vilaboa con 24 alumnos, baixo a figura dunha Asociación sen ánimo de lucro.

Ao ano seguinte, en Setembro de 2013, a Escola xa ten 52 alumnos e comeza as clases de instrumentos cun conxunto de profesores con moita experiencia, maiormente graduados superiores.

No seguinte curso, con 60 alumnos, e vista a imposibilidade legal de que o Concello constitúa unha Escola municipal, refúndase a asociación que xestiona a Escola en Maio de 2015, constituíndose a “Asociación Cultural e Musical Escola de Música de Vilaboa”, formada por nais e pais de alumnos, xunto co Director, coa intención de comezar o curso 2015-16 cunha Escola xa formalizada plenamente a todos os niveis. En Marzo dese mesmo ano fórmase a Banda de música da Escola, facendo o seu primeiro ensaio.

O peso actual e futuro da Escola en Vilaboa, para os máis de 700 rapaces e rapazas de Vilaboa, ou mesmo adultos interesados na música, refléxase nun aumento en Setembro de 2015 ata os 75 alumnos. Un curso no que a Banda da Escola de música de Vilaboa xa fará 4 actuacións no concello e 2 actuacións fora da vila. E na que se crean conxuntos instrumentais de corda e guitarra.

A matrícula en Setembro de 2016 sube a preto de 90 alumnos, cun apoio do Concello máis intenso, pero aínda insuficiente.